CULTURA
O procedemento para contratar os cachés do Vilablues é o que prevé a nova lei de contratos O procedemento seguido para a contratación dos artistas que participarán na terceira edición do Festival Internacional de Blues de Vilagarcía de Arousa, Vilablues, foi o previsto na nova Lei de Contratos Públicos e conta, como é lóxico, co aval dos servizos xurídicos do Concello. Neste sentido, o executivo de Alberto Varela lembra que eses servizos están a disposición de todos os membros da Corporación non só do goberno, polo que anima a calquera grupo a consultar o expediente e mesmo a aclarar dúbidas.
02.07.2018.- Se ata o ano pasado se seguiu un procedemento e agora outro é porque, en medio, entrou en vigor a nova Lei de Contratos, e ademais o orzamento desta terceira edición é superior á pasada porque, afortunadamente, o festival segue medrando. De feito, cando dende Cultura se propuxo seguir o procedemento das dúas anteriores edicións –o mesmo se viña realizando con outras contratacións distintas ao Vilablues- o informe da Secretaría Xeral foi “desfavorable” por “incumprir a Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, ao superar o importe dun contrato menor de 15.000€ (art. 118.1)” da citada Lei.
No mesmo ditame, os servizos xurídicos establecen que a alternativa sería ou ben un “procedemento aberto supersimplificado (art. 159.6 LCSP, valor estimado inferior a 35.000€ sen IVE), ou a través dun procedemento negociado sen publicidade, sempre que se acredite a concordancia das circunstancias previstas no artigo 168” da referida lei, entre elas, a exclusividade dos artistas a contratar.
Así as cousas, optouse por utilizar o primeiro sistema, é dicir, o procedemento aberto supersimplificado, despois de ter decidido cal é o cartel de músicos que lle parece máis axeitado.
Cabe lembrar, neste sentido, que aínda sendo unha proposta cultural que xorde dende a iniciativa privada, é o Concello quen asume a maior parte do seu custe, incluída a intendencia que conleva máis alá dos cachés do artistas. De feito, hoxe mesmo na Xunta de Goberno Local aprobouse adxudicar a Mulas Producións, SL a produción do festival por valor de 13.733,50 (“contrato menor”, por ser menor a 15.000 euros máis IVE) e, así mesmo, o servizo de baños químicos a Despertando, Sociedad de Gestión Inmobiliaria y Náutica, SL por importe de 1.573,00. É dicir, o Vilablues 2018 terá un presuposto (cachés+produción+baños) de 51.570,20 euros. Aparte irán os gastos da SGAE e de publicidade, que asumirá directamente o concello.
Diante das críticas e sospeitas lanzadas por algún grupo, o goberno local pregúntase se, chegado o caso de que eses mesmos voceiros tiveran responsabilidade de gobernar, si seguirían o seu propio criterio, co risco de incorrer en delito, ou ben se deixarían guiar polos servizos técnicos, aínda asumindo o risco de que hai cousas que son difíciles de explicar e tamén de entender polos veciños.