URBANISMO
O concello prevé investir case 400.000 euros na mellora urbanística da contorna de Fexdega O Concello prevé investir preto de 400.000 euros (exactamente 385.683,38 euros) na mellora da urbanización da contorna de Fexdega, é dicir, as rúas Figueira, Nogueira e Limoeiro, que unen a avenida de Rodrigo de Mendoza, dende a ponte do río no vial para As Bocas, ata a avenida de Agustín Romero, practicamente fronte á sede de Protección Civil. O proxecto sería financiado a través do Plan Depo-Remse, vinculado a actuacións de mellora da accesibilidade na contorna de centros de gran atracción de público, condición que, evidentemente, cumpre o recinto feiral de Fexdega que, como se sabe, se usa tamén como pavillón deportivo e recinto para eventos diversos.
30.06.2018.- Basicamente, o proxecto consiste en consolidar un ancho fixo de 5 metros para o vial, deixando o resto para beirarrúas, que nun caso se crearán, noutros se ampliarán e noutros se mellorarán. Igualmente, se renovarán todos os servicios, o que implica actuar sobre as canalizacións de electricidade, auga potable, augas residuais, etcétera. Tamén se mellorará a sinalización horizontal e vertical, o que inclúe pasos de peóns. Para facilitar o acceso á avenida de Agustín Romero prevese a demolición dun pequeno galpón ao final da rúa Limoeiro, facilitando con iso a visibilidade, nunha saída que, aínda que está regulada por semáforo, prodúcese nunha curva e a escasos metros doutro cruce.