CONCELLO
A Tropa Verde acampa na Praza de Galicia para incentivar a reciclaxe en Vilagarcía O luns 21 de maio e o martes 22, coincidindo coas festas de Santa Rita, persoal da Tropa Verde levará a cabo en Vilagarcía unha nova fase da campaña medioambiental para incentivar a reciclaxe. Monitores da Tropa instalarán un posto na Praza de Galicia para animar aos cidadáns a que participen na campaña coa que poden conseguir diversos premios e descontos no comercio local e para informar dos correctos hábitos de reciclaxe dependendo do tipo de residuos, Ademais, repartirán agasallos entre a xente.
21.05.2018.- O punto informativo da Tropa Verde estará o luns e o martes na Praza de Galicia de 10 a 14 horas. Alí repartirán bolsas reutilizables co obxecto de diminuír o seu consumo. Con esta iniciativa preténdese ademais adiantarse e informar á xente sobre a nova lei que entrará en vigor dentro de pouco en España a partir do cal todos os establecementos comerciais terán que cobrar entre 5 e 30 centímos de euro polas bolsas de plástico. Trátase do Real Decreto que incorporará ao ordenamento xurídico español a directiva europea 2015/720 para reducir o consumo de bolsas de plástico en toda a UE.
Durante o reparto, tamén se entregarán chapas, flyers con información e estrelas (para acumular e trocar por gasallos e descontos) e aproveitarase para informar das vantaxes que ten formar parte da comunidade Tropa Verde.
265 usuarios en Vilagarcía e 65 establecementos
O proxecto Tropa Verde Vilagarcía segue a crecer con todas estas iniciativas. O obxectivo principal é concienciar á cidadanía da importancia da reciclaxe e da correcta xestión dos residuos, ao mesmo tempo que se tenta potenciar o comercio local. Para formar parte da Tropa Verde é preciso inscribirse a través da web tropaverde.org.
A día de hoxe Tropa Verde conta con 265 usuarios, 65 establecementos colaboradores que reparten premios e agasallos, e con máis de 60 premios repartidos dun total de 650 cheques repartidos.