CULTURA
Cultura invita aos vilagarciáns ao concerto especial de Semana Santa que ofrecerá o Orfeón Terra A Nosa A Concellería de Cultura en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía organiza un concerto extraordinario de Semana Santa o xoves 22 de marzo no Auditorio. Para esta ocasión, contarase co Orfeón Terra A Nosa de Santiago que ofrecerá un completo repertorio de música sacra. O departamento que dirixe Sonia Outón invita aos vilagarciáns a asistir ao concerto que terá entrada libre e de balde ata completar aforo. A actuación comezará ás 20:30 horas.
15.03.2018.- Este evento enmárcase nos concertos de carácter extraordinario que a Concellería de Cultura programa anualmente con obxecto de traer á cidade á formacións musicais de renome que contribúan a difundir a música clásica. O pasado ano foi a Sinfónica de Galicia e este ano o Orfeón Terra A Nosa. A concellería corre con todos os gastos deste tipo de concertos, que se ofrecen de xeito gratuíto á cidadanía co obxecto de universalizar o acceso e o gusto pola música clásica.
O afamado coro compostelán interpretará unha excelente selección de Música Sacra que abarca un amplo período histórico, con composicións de sublime beleza escritas por autores como Monteverdi, Rossini, Mozart, J. Brahms e Gabriel Fauré.
Intervirán como solistas as sopranos Aida López e Dolores Crespo e o barítono Pablo Nieves. Acompañaraos ao piano, Nicasio Gradaille e ao órgano, Alba Diaz. A dirección musical correrá da man de Miro Moreira.
El coro compostelán celebrou o ano pasado o seu cincuenta aniversario. Con motivo desta conmemoración o Orfeón Terra A Nosa ofreceu un concerto extraordinario xunto coa Real Filarmonía de Galicia. Nesta ocasión tan especial interpretaron o Requiem de G. Fauré, a Novena Sinfonía de Beethoven e protagonizaron a estrea absoluta da obra “ Tempos Velados”, de Abe Rábade, con gran éxito de crítica e público.
Na actualidade, o Orfeón Terra a Nosa conforma nas súas distintas facetas -coro sinfónico, coro de Cámara e solistas- unha reputada institución musical orientada á consolidación de actividades relativas aos ámbitos coral e vocal, dedicando especial atención á interpretación e recuperación do Patrimonio Musical de Galicia.