OBRAS E SERVIZOS
O Concello tamén renovará as varandas do tramo do río que discorre pola Praza de Abastos As varandas do último tramo do curso do Con renovaranse na súa totalidade dende a ponte de Doutor Tourón ata a mesma desembocadura do río. O Concello planea xa a terceira fase da actuación que afectará ás varandas do tramo fluvial que discorre detrás da Praza de Abastos. O proxecto de foi aprobado pola Xunta Local de Goberno e agora remitirase a Patrimonio da Xunta de Galicia para dea o seu visto bo -como xa fixo coas actuacións previstas nas dúas fases previas-, xa que a actuación enmárcase no ámbito do Conxunto Monumental de Vista Alegre, declarado Patrimonio Histórico Cultural.
10.03.2018.- Esta terceira fase prevé a substitución das varandas protectoras das veiras do río, que seguirán a estética das previstas nas outras dúas zonas, usando como material principal o aceiro cortén. Con elo a zona presentará unha imaxe integral e mellorarase a seguridade, dado que os actuais posamáns deste tramo do leito fluvial están bastante deterioradas.
Pero o proxecto non remata aí, xa que inclúe outras melloras para resaltar a zona peonil. De feito, prevese a mellora de iluminación na zona verde situada na desembocadura do río, concretamente no “triángulo”. E o paseo García de Caamaño gañará en atractivo coa inclusión de árbores pegados á beira do río e ao longo de toda a zona peonil co obxecto de xerar zonas de sombra e proporcionar un toque natural ao conxunto.
Esta terceira fase de renovación das varandas no último tramo do curso fluvial complementará as dúas anteriores. A primeira, que está a piques de adxudicarse, afectará ao ámbito do parque da Xunqueira e a segunda á Ponte de Vista Alegre.