MULLER
O Concello apoia a folga de mulleres do 8M e anima á participación na concentración e demais actos programados O Concello de Vilagarcía apoia a folga de mulleres convocada para hoxe, 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, e anima á cidadanía, especialmente ás veciñas, a sumarse aos actos de protesta convocados e que comezaron onte coa lectura pública na praza do Concello do manifesto aprobado polo Consello Local da Muller.Esta tarde, o Consello convoca unha concentración ás 20.00 horas na confluencia das rúas Rey Daviña, Ramón y Cajal e Valentín Viqueira.
08.03.2018.- Así mesmo, desde Ravella lémbrase ás mulleres que poden secundar a folga na modalidade de paro durante a xornada laboral completa ou realizar o paro de dúas horas (de 12 a 14 horas na xornada de mañá e de 16 a 18 na de tarde). As traballadoras do Concello que se suman á folga concentraranse de 12 a 14 horas nas escaleiras do consistorio. As concelleiras do equipo de goberno secundan a folga e o alcalde e concelleiros apoian a medida baleirando a súa axenda durante as dúas horas do paro.
A maiores da concentración convocada polo Consello Local da Muller para tarde, haberá máis actos relacionados co 8M nos vindeiros días. O Auditorio acolle o sábado, 10 de marzo, a obra de teatro de corte feminista “Nacidas Libres” que se representará a partir das 21.30 horas. A entrada custa 5 euros. E o sábado 24, a asociación O Soño de Lilith organiza a representación da obra “Puedes llorar los viernes”. Será a partir das 21.00 horas e a entrada custa 3 euros.